Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Lousame inicia as obras de saneamento e mellora dos accesos a Figueroa


 

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, asistiu á acta de replanteo das obras, nas que se investirán máis de 30.000 euros

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, acompañada de técnicos municipais e da empresa Marconsa, asistiron á acta de replanteo das obras de mellora dos accesos a Figueroa (parroquia de Tállara), que contan cun orzamento de 32.856,72 euros e un prazo de execución máximo de seis meses. As obras consistirán na mellora da capa de rodaxe dos accesos a esta aldea en dous tramos de case medio quilómetro, así como a dotación de recollida de augas pluviais.

As obras terán lugar ao longo de dous treitos de 125 e 320 metros de longo nos que se mellorará a capa de rodadura con 5 centímetros de aglomerado en quente, previa reparación de fochancas e ampliación do camiño en 1,5 metros. “Trátase dun acceso moi pequeno, de apenas 3,5 metros nalgún tramo, e que agora imos anchear e reparar, pois tamén presenta importantes fochancas, sobre todo no tramo de entrada”, explica a alcaldesa lousamiá.

A ambos lados do camiño contémplase unha cuneta de seguridade revestida de formigón baixo a que se canalizará unha tubería de PVC de 315 mm de diámetro e se executarán 4 arquetas de sumidoiro para a recollida de augas pluviais. As obras están incluídas dentro do Plan Complementario do POS+2017 e teñen un prazo máximo de execución de seis meses.

Saneamento

Teresa Villaverde explica que “ademais, aproveitaremos as obras para a dotación de recollida de augas pluviais para levar os tubos do saneamento, que asumiremos con fondos propios”, unha situación da que advertiu aos técnicos de Marconsa. Unha actuación que sería unha primeira fase, xa que a entrada en funcionamento do servizo de saneamento tería que agardar á instalación dun bombeo, que “presentaremos con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental para levar os residuos á depuradora”.